A área recreativa de Chans será escenario o vindeiro venres 4 de setembro da segunda edición do Festival Denosiñas Rock, organizado pola Asociación Xuvenil, Cultural e Deportiva Lumieira en colaboración co Concello de A Baña. A música en directo arrancará ás 9 e media da noite, e contará coa actuación de cinco grupos da comarca e arredores: Xan Solo, Marmota Phil, Pito de Pikasso, Rockin’13 e Kaña de Herbas.
O colectivo xuvenil Lumieira retoma a celebración deste festival de rock, que tivo a súa primeira edición no ano 2007 coa participación dos grupos Rockin’13, Trifulca e The Molestons. Tras un ano de transición no que Lumieira se centrou en organizar actividades como as festas patronais da Baña e un torneo de Fútbol 7 no municipio, ou destacar con imponentes carrozas nos Carnavais de Barcala e arredores; os nove integrantes da Asociación plantexáronse este ano recuperar o festival baixo o nome de Denosiñas Rock.
O concerto terá lugar na explanada de Chans, fronte ao edificio multiusos do Concello. Nel terá instalado a organización o tradicional bochinche, a tan só uns metros do palco desde o que as cinco formacións invitadas ofrecerán a súa música en directo. Esta é unha das novidades con respecto á primeira edición, ademais dun potente equipo de son que instalará a empresa DB’S. A entrada ao recinto será gratuita.
As bandas
A segunda edición do Denosiñas Rock contará con cinco grupos, todos da comarca barcalesa, excepto os santiagueses Pito de Pikasso. O encargado de abrir o concerto será o artista bañés Xan Solo. Formado na escola de teatro Espacio Aberto, o seu proxecto fin de estudos “Cancións Informais” da lugar a unha maqueta co mesmo nome na que tamén participan os músicos Justo Lera e Eduardo Recarey. A mediados do 2009, Xan forma a súa propia banda, a “Xan Solo Van”, grabando unha nova maqueta do que se convertirá no seu segundo disco “Un lánguido poema arde”.
Tras Xan Solo subirá ao escenario de Chans a banda barcalesa Marmota Phil. Tras un par de concertos no 2005, a banda reestructúrase no seguinte ano para quedar formada por Manu, Óscar, Dani e Sergio. Esta formación graba a primeira maqueta de Marmota Phil no ano 2008, titulada “At the Stairs”, na que evidencian o seu cambio de estilo cara o rock indie.
Os santiagueses Pito de Pikasso serán o terceiro grupo en pisar o escenario do Denosiñas Rock. Finalistas do festival Nsaio no Camiño no ano 2007 coa súa maqueta “El sentido está por venir”, esta formación xa compartiu concertos con bandas coma Def con Dos, Los Suaves, Siniestro Total ou Ruxe Ruxe. Milo, Schaal, “Aceite Johnson” Spinelli e Luko presentarán en A Baña os doce temas do seu primeiro disco, “Kraksh”, grabado este mesmo ano.
A temperatura irá subindo pasada a medianoite co regreso aos escenarios da banda bañesa Rockin’13. Tras dous anos de parón por motivos profesionais, Pancho, Esteban, Diego e Miguel retornan coa incorporación do baixista Rubén. Nados no ano 2003 baixo o nome “Provisional”, a banda grabou en 2005 a súa primeira maqueta, “Sin Aire para Respirar”, rebautizados xa coma Rockin’13. Coa baixa de Mario, o grupo prepara a súa segunda maqueta con Pancho e Diego nas guitarras, Rubén no baixo, Esteban na batería e Miguel na voz.
O peche do concerto corresponderálle á banda negreiresa Kaña de Herbas, formada no 2008 por Efrén na voz e na guitarra, Campos no baixo, Ricardo de Lula na guitarra solista e Vieito na batería e na percusión. Con menos dun ano enriba dos escenarios e coa incorporación de Maruko da Barquiña na trompeta, Kaña de Herbas prepara os temas da súa primeira maqueta tras triunfar no Festival Terra de Lugo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario