A área recreativa de Chans acolleu o pasado venres a segunda edición do Festival Denosiñas Rock, organizado pola Asociación Xuvenil, Cultural e Deportiva Lumieira en colaboración co Concello de A Baña. Ao longo da noite unhas 250 persoas saltaron e brincaron coa música en directo de Xan Solo, Marmota Phil, Pito de Pikasso, Rockin’13 e Kaña de Herbas. O festival comeza así a consolidarse coma unha cita obrigada para os amantes do rock nos arredores de Compostela.
O tempo acompañou na noite do venres e os seguidores da boa música e do rock en directo achegáronse a Chans para reencontrarse co Festival Denosiñas Rock, que organizou novamente o colectivo xuvenil Lumieira. Tras un ano de parón, a cita serviu para amosar que o rock segue vivo na comarca barcalesa, congregando ademais a persoas de Santiago, Santa Comba, Ames ou Brión. O esforzo de Lumieira, ao incorporar máis grupos ao cartel e un equipo de son máis potente, recibiu a resposta do público.
O festival arrancou pasadas as dez da noite, coa actuación do polifacético artista local Xan Solo, que sorprendeu gratamente aos presentes coas súas letras provocativas e cargadas de dobre sentido. Coa guitarra acústica coma única compañeira, ademais do saxo de Alberto Cancela Pancho en tres temas, Xan Solo repasou cancións dos seus traballos “Cancións informais” e “Un lánguido poema arde”. Acto seguido subiu ao escenario a banda negreiresa Marmota Phil, que demostrou as súas boas maneiras e o seu paso cara un estilo máis indie, como se aprecia na súa maqueta “At the Stairs”.
A terceira banda en actuar no Denosiñas Rock foron os santiagueses Pito de Pikasso, que agradaron ao público barcalés co seu punk-rock desenfadado e gamberro. Ataviados con faldas escocesas, Pito de Pikasso expuso sobre o palco de Chans boa parte dos temas do seu disco “Kraksh”. A estas alturas da noite o público xa estaba máis que animado tras tres actuacións de grande nivel.
O punto álxido chegou coa volta aos escenarios da banda bañesa Rockin’13, que presentaba cambios na súa formación que foron moi ben recibidos polos seus seguidores. Cunha mistura de temas propios da maqueta “Sin Aire para Respirar” e varias versións de clásicos coma Led Zeppelin ou Loquillo, Rockin’13 agradou no seu esperado retorno. Entrando na madrugada foi o turno dos negreireses Kaña de Herbas, que con temas propios moi movidos e versións clásicas do rock galego remataron a festa por todo o alto.
Organización
A segunda edición do Festival Denosiñas Rock foi valorada de xeito positivo pola Asociación Xuvenil, Cultural e Deportiva Lumieira, destacando o éxito de participación por parte do público e o gran nivel amosado por tódalas bandas. “Temos que agradecer a tódolos grupos a súa colaboración ao longo de todo o día”, sinalou tralo festival o membro de Lumieira Alberto Cancela. “Agardamos que o ano que vén poidamos continuar co festival e preparar unha terceira edición á altura das anteriores”. Cancela tamén quixo agradecer a colaboración prestada polos Concellos de A Baña e Santa Comba.
Ademais, tanto a organización coma os grupos quedaron moi contentos coa empresa encargada do sonido, Más DB’S, cuxo traballo engadiu espectacularidade ao evento. Tralo éxito acadado na segunda convocatoria, o festival comeza a consolidarse coma un referente do movemento rockeiro de Barcala e zonas limítrofes. A terceira edición do Denosiñas Rock dará continuidade ás actividades de Lumieira en A Baña. Desde a súa creación, o colectivo xuvenil organizou as festas patronais no municipio, un torneo de fútbol 7 e espectaculares carrozas para os Carnavais de Barcala e dos arredores.
Que pena non poder ir :(
ResponderEliminar